Opinión

Áuricas virtudes

"Carta de una mujer desconocida" (2004) é unha película producida, escrita, dirixida e interpretada por Xu Jinglei. É a súa segunda longametraxe e colleu de modelo a versión de Max Ophüls, que se baseaba tamén na novela de Stephan Zweig. O filme acadou a Concha de prata á mellor dirección do Festival de San Sebastián.

A longametraxe suma beleza de formas e de fondo, na procura dun equilibrio axustado entre ambos compoñentes, de acordo coas concepcións clásicas da autora. Composta con formas sobrias, delicadas, estilo elegante, música suave, pausadas escenas de total silencio, interpretacións profundas, o espectador occidental, tal vez condicionado polo coñecemento previo da versión de Ophüls, quizais espere que unha historia tan romántica, centrada no extremo irracional do fenómeno amoroso, se sirva de formas expresivas máis intensas, axitadas, incluso turbulentas, propias da filosofía estética inherente ó romanticismo, e atope que a tonalidade adecuada sería por elo distinta á escollida nesta película.

En “Carta de una mujer desconocida” a protagonista experimenta o amor coma un tesouro secreto, unha reliquia silenciosa que só ela e ninguén máis coñece. Un talismán que acompaña os seus días desde a infancia ata o seu final. Amor con maiúsculas, máis alá de convencionalismos, un amor de esperas, de entregas e de case nulas compensacións.

O filme cínguese máis literalmente ó argumento orixinal: a nena de 13 anos que se namora nun instante e para sempre, con amor fatídico e sen esperanza, dun veciño sedutor, mundano, quen ós ollos virxinais da nena encarna canto de atractivo e fascinador ten a existencia. Como unha Wether feminina, apurará ata a fin ese amor desgraciado, e contarao na carta con cuxa lectura en off arrinca o relato tráxico.

Máis alá dos aspectos máis ou menos técnicos, o que a directora china pon sobre a mesa é o seu dereito de contar outra vez unha historia na que se sente reflectida, unha curiosa, e moi pertinente, reactualización de las virtudes de una trama que, 60 anos despois, segue a lucir áuricas virtudes.

Te puede interesar