Opinión

Bícame no... que teño paxariños

Bícame no cu que teño paxariños. Acordareime toda a vida. Era o que me dicía miña nai cando, de cativo, lle quería ganar unha carreira. De cativos todos queremos ser homes axiña, todos queremos ser o máximo. Con cinco ou seis anos, ou con algún máis, pensaba que lle podía ganar a unha muller adulta. E como boa nai que era, e como boa nai que é a inmensa maioría, deixábame ganar uns metros, deixaba que crese que xa empezaba a ser home, pero logo… logo esprintaba un chisco e soltaba aquela frase chea de risa: bícame no cu que teño paxariños.

Ás veces tomáballo a chanza, outras escapábaseme a carraxe pola boca e polos ollos. Ela, para máis aquel, a canto máis carraxe miña, máis gargalladas dela. Bícame no cu que teño paxariños. Hoxe aínda boto de menos aquela frase, aquela burla súa. Quédame o consolo de soltarlla de cando en vez ós meus fillos, e non só co significado dunha carreira, senón de calquera desexo deles. “Quero un xogo para a play”. E eu: bícame no cu que teño paxariños. E bótome a rir.

Te puede interesar