Opinión

Botar a vida dun preso

Telesforo Mensaxe Langrán quedou con Urías Luz de Dios no complexo dos Milagres, en Baños de Molgas, a iso das dúas da tarde. Pero cando lle chegou alí, O Pegarol (que así lle chaman a Urías) espetoulle que botaba a vida dun preso para facer tan só tres quilómetros e pico. Normal; eran as catro da tarde. Mais o bonito foi que O Troiteiro (que así lle chamaban a Telesforo) saíra de Baños de Molgas á unha do mediodía. “Pero como puideches tardar tanto, alma cándida!”, case lle berra O Pegarol. “É que me detiven en Sudalomba a cagar”, díxolle O Troiteiro cun sorriso burlón. “Mellor dito, engarrei nunha silva”, seguiu coa chanza. Telesforo Mensaxe e Urías Luz eran amigos desde nacemento, mais levaban moitos anos sen verse. Fora Urías, O Pegarol, o que planeara a cita, e sabendo o risco que corría, sabendo que o seu amigo Telesforo, O Troiteiro, botaba a vida dun preso para levar a cabo o que fose: comer, traballar, andar, incluso falar. Sabía que era pousón, pero non o imaxinaba tanto. A proba é que empregaron toda a tarde para pouco máis alá dos típicos saúdos. Cando se preguntaron polas familias xa era noite.

Te puede interesar