Opinión

Cariña de esgotamento

Non se oe un maldito ruído pola rúa. Non se ve a ninguén paseando. Normal. Corenta graos de temperatura ou máis non é cousa de rir, non é coma para saír á rúa a peito aberto. Seguro que saes do portal e, zas, esa bafarada de aire quente bótate para atrás. Onte houbo máis ou menos a mesma temperatura e este molgués tivo que sulfatar. Certo que co propio orballo do sulfato non se apreciaba tanto a vaga de calor, pero tamén é verdade que cando remataba cada tanque de 300 litros notaba a camisa toda enchoupada.

E non era da babuxa do sulfato. Levo sulfatando moitos anos e nunca me pasara o da camisa. O mellor foi que non afoguei e que aguantei coma os heroes. Claro que, cando rematei os 1.100 litros que tiven que dar (case catro tanques), quedoume tal cariña de esgotamento que ata o sogro seica lle comentou a súa filla que "hoxe véxoo fundido". Tampouco creo que esa canseira fose por andar tanto e tirar da goma (axudoume moito a patroa, por certo; ela, que non pode estar ó sol)), senón por esa asfixia, por esa calor abafante que reinou o sábado. Hoxe segue coa mesma... pero non sulfato.

Te puede interesar