Opinión

Comedia á Italiana


A comedia á italiana, ou polo menos os mellores filmes deste xénero, ten como característica esencial o interese, a obsesión pola crítica social. Nela critícanse ou satirízanse os defectos dunha sociedade de consumo como foi a italiana a partires da década dos 50.

Pódese dicir que hai comedia italiana xa en “Vivir en paz” e “Nobre xesta”, de Luigi Zampa, as dúas de 1947, e ata nas relacións de cura e sancristán en “Roma cidade aberta” (1945), de Roberto Rossellini, que esta si que marca o nacemento oficial do neorrealismo, pero é a partir de “Un heroe do noso tempo” (1955), de Mario Monicelli, que se deliña con maior precisión o que será a comedia á italiana dos anos 60 e 70.

Actores como Alberto Sordi, Ugo Tognazzi, Vittorio Gassman e Nino Manfredi poñen a súa popularidade ó servizo dunha marea de xente como Ettore Scola, Ruggero Maccari, Age e Furio Scarpelli, Sergio Amidei e Rodolfo Sonego, entre os guionistas, e o mesmo Scola, Monicelli, Luigi Comencini, Dino Risi, Nanni Loy, Pietro Germi e Luigi Magni, entre os directores, para que estes lle poidan amosar ó pobo italiano todos os defectos dunha sociedade que non repara en cinismo nin en corrupcións para construírse un benestar ó que aspira desde hai tempo.

Os temas de maior actualidade (carencias nas institucións, terrorismo, corrupción económica, egoísmos humanos, a explotación, tráfico de armas) están analizados nunha ou en varias comedias á italiana. A Historia con maiúscula ou minúscula constituíu o tema, a carcasa deste xénero que soubo crear a maior cantidade de obras mestras da historia do cine italiano. A saber: “Rufufú” (1958), “A gran guerra” (1969), “A armada Brancaleone” (1965), “Un burgués pequeno, moi pequeno” (1977), de Mario Monicelli; “Todos en casa” (1960) e “Sementando ilusións” (1972), de Luigi Comencini; “A escapada” (1962), “Perfume de muller” (1974) e “Querido papá”, de Dino Risi; “Divorcio á italiana” (1961), de Pietro Germi; “Detido en espera de xuízo” (1971), de Nanni Loy; ou “Unha muller e tres homes” (1974), “A terraza” (1979) e “Feos, sucios e malos” (1976), de Ettore Scola, por nomear tan só as máis importantes, son as xemas, os gromos desta coroa cinematográfica de enorme valor histórico e social.

Te puede interesar