Opinión

Comedia concisa

Cando adaptaron a novela de Ira Levin “As poseídas de Stepford” en 1975, tanto o director Bryan Forbes como o guionista William Golman viron nela a materia prima ideal para construír un melodrama fantástico capaz de descifrar o futuro inmediato en clave paranoica. Frank Oz e o seu guionista Paul Rudnick optaron por un camiño distinto en “As mulleres perfectas”: subliñar ou resaltar a carga satírica do orixinal para construír unha comedia vitríoloca e felizmente concisa que diseca arquetipos de xénero para falar, no fondo, dos novos, e xa moi palpables, medios sociais de síntese. Non é tanto a guerra de sexos como as antiutopías corporativas o que agora está no centro da diana. Frank Oz e Paul Rudnick saben que a ameaza imaxinada por Ira Levin cumpriuse: subscribindo unha das frases da película, xa nada pode parar a Stepford. Ou que todos somos Stepford.

“As mulleres perfectas” reúne a un reparto tan espectacular como os que caracterizaban ás vellas películas de catástrofes: apropiado trazo para unha película que, de feito, narra unha catástrofe xa cumprida e emprende a perversa tarefa de esbozar certa nostalxia por algúns tipos humanos irritantes, pero afastados da clonación espiritual coa que podería soñar un alto cargo de Microsoft (ou da Disney)

Paul Rudnick e Frank Oz veñen a dicirnos que as cousas pintan tan mal que chegará o día en que, por exemplo, teñamos morriña dunha neurótica debuxada por Maitena. O resultado non descobre a pólvora, pero recupera a un Rudnick coa pluma máis viperina que nunca e a un Frank Oz que, de novo, demostra a súa madeira de excelente director de comedias... con cerebro e coa folla revirada, é dicir, con mala baba. Cunha cantas películas coma esta penso que por unha temporada nos sentiríamos un pouco menos parvos. Aínda que, globalmente, o filme tampouco é como para botar as campás a voar, pois non deixa de resultar unha comedia máis ou menos entretida con, iso si, un excelente deseño de produción, pero á que lle falta unha maior dose de sátira por moita mala uva que presuman os autores.

Te puede interesar