Opinión

Confusións


Ás veces confundo o sentido coa sensibilidade, a carraxe co odio, unha furgoneta cunha camioneta e o monte Medo co de Pinouzos. Báilanme os obxectos e mestúranseme os pensamentos. Claro que, con todo iso e algo máis, fago un nobelo, un feixe e cargo con el sobre os ombreiros.

Pesa. Vaia se pesa. Pesa como a culpa e a inconsciencia, como o pecado e a imprudencia, como a xenreira e a hostilidade, como o mal e a doenza. Non obstante, cargo con todo porque con todo hai que saber cargar; para tirar sempre cara á adiante. Aínda que se dea algún paso atrás. E haino que dar. Pois xa sabemos que todos os camiños teñen os seus atrancos.

Por moito que se diga, non confundo a velocidade co touciño, nin o repolo coa verza branca, nin os cabazos coas cebolas, nin as peras cos olmos. De algo ten que valer sentirse labrego. E gandeiro. E rural. Tampouco confundo a Galicia profunda cos parvos de pacotilla nin cos paiolos de xenuflexión. A ver se pensan algúns que as vacas non ensinan nada e que os sachos son caxatos ou bastóns para axudarnos a andar. A Galicia profunda vai moito máis alá duns listiños ou intelectuais con toga.

Por veces confundo os latexos cos tronos, os desexos cos alustros e un mar de nubes cun banco de néboa. Aínda que, así, sei soñar esperto e fágoo, por suposto, á miña maneira, que é como mellor se soña. Sei mirar para o reflexo dun espello e sei como engancharme a un anhelo eterno. Sei que o cosmos é eterno, aínda que o meu universo sexa pequeno. Pero é o meu universo, o meu devezo, o meu soño.

Te puede interesar