Opinión

Cos meus tempos pasados

Paso o pano das mans polo nariz e fungo. Teño mocos. Non, non teño catarro. Simplemente que veño de ler, andando, e ó mellor igual me colleu un chisco o frío. Só un chisco. Porque a temperatura, para ser inverno, é alta. Din que será o último día que teremos estas temperaturas ata que remate o inverno. É igual. Xa non teño mocos. Limpei o fociño. Cun pano das mans. Debo ser dos pouquiños que aínda uso panos das mans. A maioría xa se vale de panos de papel. De usar e tirar. O meu é de lavar, secar e pasarlle o ferro.

O mesmo me pasa cos panos da mesa, cos panos de comer. Que os uso de tela e non de papel. Non sei se son un carroza, pero si tradicional, clásico. Almorzo leite cunhas pingas de café e migas de pan ou pan migado. Non almorzo cereais nin nada semellante. A cunca é das de porcelana antiga, de hai máis de 20 anos. Ou 30. Ou 40. Antes de comer o prato quente, como algo de seco. Xa o dicía a miña sobriña na carta que me dedicou. Que se lle vai facer! Deixádeme cos meus tempos pasados.

Te puede interesar