Opinión

Curiosidades frustradas

Na filmografía de John Sturges (e xa para rematar con este director) quedan, emporiso, dúas curiosidades parcialmente frustradas. Refírome a “O sexto fuxitivo” (1956) e “Estación 3, ultrasegredo” (1965). De ambas as dúas, “O sexto fuxitivo” é a que ofrece en principio máis interese, a causa quizais do bo guión de Borden Chase, autor tamén do libreto de “Winchester 73” (1950), co que comparte a idea de apoiar o relato sobre un axuste de contas familiar: os dous personaxes centrais Richard Widmark e Donna Reed buscan a un home desaparecido que podería ser o padrasto del ou o home dela. Esa busca posúe un fondo tan turbulento como o que tiña a persecución de Stephen McNally por parte de James Stewart en “Winchester 73”: tanto o padrasto como o home abandonáronos, e o desaparecido carga ademais ás súas costas coa sospeita de ser o responsable de cinco mortes. A situación así formulada é máis morbosa do que adoitaban ser os traballos de Sturges (diríase que é un guión pensado para Anthony Mann, experto tratadista de turbiedades morais), e tal vez por elo o conxunto se resente de indefinición.

“Estación 3, ultrasegredo” conta, cun ton máis frío do que era habitual en John Sturges, as consecuencias dun acto de sabotaxe científico: o roubo duns frascos cuxo contido é un virus letal para o que non se coñece antídoto algún. Trátase dun filme formulado sobre unha base temática próxima á ciencia ficción e desenvolvido segundo as fórmulas máis convencionais do filme de investigación. A idea de contrapoñer unha noción de perigo representada por elementos estáticos coa noción do filme policiaco representada pola acción, pola mobilidade, resulta máis que interesante, pero o filme é demasiado inxenuo e a causa dunha falta de densidade dramática que, co tempo, invalida os seus efectos. Queda, non obstante, un poso de seriedade que cada día se bota máis a faltar no cine comercial americano: unha convicción e unha responsabilidade que, dilapidada en pequenos filmes coma este, tamén contribuíron a facer globalmente do cine estadounidense, xunto co italiano, o máis apreciado polos bos afeccionados.

Te puede interesar