Opinión

Defendido polos colegas

Remataba a columna da semana pasada co fracaso comercial da película “Vivir ó grande” (1947), co que se pode dicir que aí empezou o declive de Gregory La Cava. Non obstante, ó ano seguinte, aínda sería contratado pola United Artists para dirixir “Venus era muller”, pero a súa estancia no estudio só durou once días de discusións interminables sobre o guión. Foi a partir de aí cando o intelixente director de “Ó servizo das damas” xa non puido volver traballar e o seu afastamento de Hollywood resultou definitivo. Apenas puido soportalo durante catro anos, e ó cumprir os 60 levouno a morte. Corría a data de 1952.

O tópico máis estendido, que se repite unha e outra vez nos escasos textos dedicados a La Cava, remite continuamente á “improvisación” e amplifica o seu alcance ata o desafío que Frank Capra relataba nas súas memorias para falar do admirado colega: “Foi un defensor extremo da improvisación de escenas no estudio. Dotado dunha mente fértil e brillante, e dun enxeño fulgurante, proclamou que era capaz de facer películas sen guión. Emporiso, mentres que as dúas premisas parecen exactas, a conclusión debería tomarse con maiores precaucións, xa que nin o sistema de traballo dos estudios nin as testemuñas dalgúns dos seus colaboradores nos poden facer pensar que La Cava pretendera, ou moito menos chegara a poñer en práctica, tal sistema de traballo.

A orixe desta lenda pódese rastrear atendendo á súa forma de relacionarse cos actores. “A súa teoría”, segundo conta o guionista Allan Scott, “era que se os actores tiñan o guión con moita antelación, perdería a súa frescura. Literalmente, o día da rodaxe estariamos na nosa caravana coa súa secretaria de toda a vida, con todas as versión do guión que eu escribira e coas notas que el tiña espalladas arredor; el ditaría o que lle gustaba das miñas escenas, anotándoas como lle parecera. Entón a secretaria pasaría a máquina as copias, daríanllas ós actores e nunha hora estariamos rodando”.

Te puede interesar