Opinión

España é diferente

Coa música de fondo que Ry Cooder compuxo para a marabillosa “París, Texas”, escribo. Escribo que en Irlanda xulgaron ós banqueiros que fundiron a economía, mentres en España estamos a pagar 2.300 euros cada español polas axudas á Banca. Tamén é verdade que se dixo sempre que España é diferente. Home claro! Escribo que non hai quen se meta co PP. A proba tena un garda civil destinado en Bande, que como seica “achuchaba” (legalmente) á deputada Ana Belén Vázquez e ó seu marido (alcalde da vila) con multas por mal aparcamento dos seus vehículos, agora está a piques de ser substituído polo Ministerio do Interior. Pobre infeliz!, a quen se lle ocorre meterse coas dereitas. Mentres a guitarra de Ry Cooder se queixa, escribo que un hotel asturiano actuou de mestre ante a madrileña Esther García recomendándolle non incluír o galego como mérito cando se achegou a buscar traballo. Mais o que me choca realmente da noticia é que o medio de comunicación no que lin a nova non puxese o nome do hotel (quizais por iso da publicidade gratuíta?), pois creo que nestes casos é precisamente cando hai que sinalar ós culpables para que así os demais actuemos en consecuencia, que no caso dos galegos sería, faltaría máis!, facéndolle boicot ó “marabilloso” hotel.

Te puede interesar