Opinión

Feira en Baños de Molgas no 1901

Non hai maneira! Levo un bo cacho fochicando pola Internet ou polo San Guguel (que é máis ou menos o mesmo, claro) buscando cando se celebraba a feira en Baños de Molgas no ano 1901. Si, xa choveu, xa. Non consigo atopar nada. Deixo entón que a miña imaxinación se vaia ó día 11 de cada mes, porque ese día era a feira cando eu era rapaz, cando aínda ía á escola. E se non, que máis dá; o esencial é soltar xa a noticia: resulta que o 28 de outubro de 1901 apareceu nun xornal que na última feira celebrada en Baños de Molgas vendeuse a tres pesetas o ferrado de millo e a 2,25 o de centeo. Por certo, as medidas do ferrado son algo así como unha aventura: que dun lugar a outro cambian, non unha barbaridade, pero si un chisco. Como tampouco é o mesmo o ferrado de millo que o de centeo. Por exemplo, en algúns lugares, o ferrado de millo debe andar polos 16 quilos e, porén, o de centeo vaise a uns 20 quilos. Pero, aquí, neste relato, o que me interesa é o prezo. A ver!, naqueles tempos, tres pesetas eran moitas pesetas de Cristo. Non as tiña calquera familia. Así eran pobres ata a extenuación. Pobriños!

Te puede interesar