Opinión

Filme vigoroso

Mohamed é director e profesor de literatura inglesa dun dos institutos máis progresistas de Palestina. Vive nunha aldeíña coa súa muller e os seus cinco fillos. A súa casa, situada a media camiño entre unha aldea palestina e un asentamento xudeu, non tarda en converterse nun punto estratéxico e acaba sendo confiscada e ocupada por soldados israelís. A pesar diso, Mohamed négase a marchar. As súas firmes conviccións pacifistas lévano a crer que é posible convivir cos soldados.

O resumo ese de “Domicilio privado” (2004) ben se ve que acocha unha metáfora maior: a de que a casa do protagonista é en realidade todo un país, Palestina, e o exército ocupante non é outro que o israelí. O filme é un drama bélico e familiar. A tensión que se produce como consecuencia da ocupación da casa, sitúa ós membros da familia en posicións difíciles nas que se observan as súas reaccións, os seus sentimentos e as súas diferenzas persoais. A cámara explora o medo, o desánimo, o anoxo, os desexos de paz, as ansias de vinganza, a desesperación e as esperanzas, que aniñan no ánimo da familia fronte á presencia dos soldados na casa e as propostas que defende o pai.

Desde unha perspectiva formalmente neutral, “Domicilio privado” aposta pola comunicación, a tolerancia e o diálogo. Defende que a convivencia entre culturas e relixións diferentes é posible. Sitúase a favor da multiculturalidade e contra os prexuízos. Pon de manifesto a utilidade que ten, á hora de xerar comprensión e tolerancia, a práctica de poñerse no lugar do outro. Apostila o absurdo da guerra e aposta pola non violencia, a tolerancia e a paz.

Cunha cámara que se move con aparente neutralidade entre os dous bandos, “Domicilio privado” navega con seguridade en medio de grandes sentimentos, medo, angustia, terror a vivir pechado, frustración por non poder dispoñer do que é dun, desasosego ante ordes que en moitos casos non se entenden. O director Saverio Constanzo acadou un filme tan vigoroso coma sorprendente que, no ano 2004, ganou a Espiga de Prata no Festival de Valladolid. E con todo merecemento.

Te puede interesar