Opinión

O Forrest Gump molgués

Alguén me dixo hai unhas horas que eu era coma o vento cando zoa, para rematar recalcando que sería un verso negro nun poema que se estaba por escribir. Quedei, un pouco non, senón abondo abraiado. Eu, que só me sinto coma o Forrest Gump. É máis, son o Forrest Gump molgués. Ando de aquí para alá, correndo dun lado para o outro e peteirando en todo o que se move.

Máis que o vento que zoa, son a galla que racha pola forza do vento. Máis que verso negro, son un poema cheo de sentimentos. Sentimentos que furgan na conciencia, que penetran no soño que se soña (son os máis reais) e que estouran cos latexos que reviven a un no luscofusco diario.

Son ese Forrest Gump algo parvo porque escribo parvadas, pero aínda que non sexa moi listo, sei o que é vivir, sei o que é correr, aínda que as carreiras non me leven a ningunha parte. Non obstante, sigo correndo. Cando saín da casa pensei que podía chegar ata A Valenzá. Cando cheguei pensei que seguro que chegaba a Baños de Molgas. E de aquí deica o infinito e máis alá. Sigo correndo.

A nai do auténtico Forrest Gump dicía que a vida é coma unha caixa de bombóns, nunca sabes o que che vai tocar. A nai do Forrest Gump molgués dicía que a vida é coma unha leira chea de regos, dos que si sabes cales tes que cavar... todos. A vida é o berro seco que lanzo desde o alto dun outeiro, ou tamén pode ser como cantaruxar In the Ghetto de Elvis Presley. A vida é o vento que asubía, a pinga que molla, o ruído cando acouga, o poema que rima, a canción que soa. A vida, para o Forrest Gump molgués, é un camiño á beira do río.

Te puede interesar