Opinión

Gloriosa aventura

Despois das dúas loucas e inefables “Toy Story” (1995 e 1999), e logo a arrasadora “Bichos” (1998), e finalmente a ironía espenuxada de “Monstros” (2001), parecía imposible que as xentes de Pixar se superasen a si mesmas e fosen capaces de enfeitizarnos outra vez, máis alá que eses catro prodixios de inventiva, de axilidade, de emoción e de humor para arrincar dun gastado corazón adulto o neno sagrado que aínda alberga. Pero crearon, como non, “Buscando a Nemo” (2003).

Mentres se ve “Buscando a Nemo”, a delicada e irresistible forza de arrastre da pantalla, a tenrura e a graza que despiden as tumultuosas idas e vidas dese tal Nemo non ten máis treguas que as estritamente funcionais, as esixidas pola perfecta construción temporal e dramática desta mínima, exacta, gloriosa aventura. Refírome a eses indispensables respiros de entre acción e acción, entre chiste e chiste, entre invento e invento, que poñen ó descuberto as altísimas calidades e a precisión do mecanismo narrativo e da construción dramática do guión manexado polos 700 artesáns da Pixar, xente máis que profesional, ademais de maga, e que, como conxunto, como equipo, como unidade creadora, son unha das máis solventes, singulares e elevadas identidades artísticas con que conta o cine de agora.

Seguindo o rastro das aventuras do inefable peixe, o corazón chouta de asombro en asombro, e de voo en voo e de exclamación en exclamación. É o caso de cando vai á escola e se atopa coa bruta e cordial quenlla marraxo, unha basta laretas que non soporta ós pulidos e afrautados delfíns, que lle parecen uns melindrosos inaguantables. E a sorprendente incursión nun campo de minas somerxido e cheo de inquietantes recunchos visuais, que lle dá un xiro á imaxe e rompe o punto de vista inicial, para abrirnos a dimensións escuras e torcidas da aventura, como a do espectro negro do submarino e a baixada ó mar tenebroso. Con “Buscando a Nemo” temos cine de altísima pureza, obra mestra que fai de Pixar un impagable e gozoso niño de magníficas transgresións e irreverencias.

Te puede interesar