Opinión

A gran esperanza galáctica

Aí está. Na serra de San Mamede ten que haber algo. Ten que haber unha base extraterrestre. Hai uns días, pola mañá, outra vez ás sete e media, desde o alto de Piúca vin dúas luces moi potentes, unha moito máis luminosa ca outra. Seguro que a pequena pertence ó planeta, por estar máis afastada. A grande estou por apostar que é a nave que aterra todos os días nesa base acochada en algún lugar entre Castro de Escuadro e Rebordechao. Por esa zona creo que é por onde está a miña gran esperanza galáctica. De todos é sabido o desexo que teño de viaxar por eses lares, por eses mundos infinitos que están máis alá das estrelas. O planeta dos alieníxenas que se amosou esa mañá ata poida que sexa o chamado Ross 128b, que seica está a 11 anos luz (nada, aí á volta de calquera outra estrela) e que semella que podería albergar vida. A ver!, un planeta morno cunha temperatura entre -60 e 20 graos, pois case, case como o clima da nosa Galicia. Tan só é unha pequena esaxeración no de -60 (pero, coidadiño, que ás veces hai xeadas de…). En principio, seguirei buscando a base, e se a atopo xa lles comentarei o de visitar o seu planeta.

Te puede interesar