Opinión

Grazas a capra

Harry Langdon parece sempre o menos seguro de todos os grandes actores cómicos do cine mudo. En “Os seus primeiros pantalóns” (1927), dirixida por Frank Capra cando Langdon se encontraba na cúspide da súa popularidade, o inxenuo “cara de neno” atópase a mercé dunha muller agresiva. Aquí, Langdon sorría case tan pouco como Buster Keaton e, cando o facía, o esforzo semellaba que dividía en dous o seu rostro enfariñado e de ollos expresivos.

Aínda que “Un sportman de ocasión” (1926), dirixida polo propio Harry Langdon, contén gags máis brillantes, “Os seus primeiros pantalóns” benefíciase da habilidade narrativa de Capra. Como en todas as súas películas, Langdon semella un neno algo crecidiño, que desexa e ó mesmo tempo teme o contacto co outro sexo. Alimenta as súas furtivas ansias con libros que saca da biblioteca, pero a rapaza de ó lado resulta ser unha muller calculadora, malvada e envolta en actividades dunha banda de gánsteres que rexeita os seus intentos de cortexala. Non obstante, Langdon insiste e cando o coche dela sofre unha picada, descubre ó seu admirador dando voltas arredor do vehículo, mentres que o chofer procede a cambiar a roda.

As implicacións sexuais desta película son tanxibles. Harry Langdon séntese en todo momento angustiado pola vulgaridade e a enerxía de Bebe, a rapaza, e polo seu descarado erotismo. Cando, nunha das secuencias máis brutais de todo o cine mudo, lle dá unha malleira a outra muller, o único que pode facer é contemplala asombrado. O pobre Harry parece atoparse todo o tempo en constante estado de sorpresa. E cando Bebe o bica, quédase medio aparrulado.

O que queda gravado na memoria despois de ver “Os seus primeiros pantalóns” é a imaxe dun home que non provoca as situacións divertidas, se non que se ve arrodeado e desbordado por elas. O mundo non lle fai o menor caso a Langdon, que semella en todo momento un neno incapaz de facerlle fronte ás circunstancias, aínda que o público é consciente de que, debaixo desa máscara, atópase un home adulto.

O éxito deste filme subiríaselle un pouco á cabeza ó actor, que rexeitou colaborar máis con Capra e empezou a escribir as súas propias películas que non tiveron éxito e, pouco a pouco, acabou no desastre e a soidade.

Te puede interesar