Opinión

Con humor sutil

Catro anos despois do seu triunfo coa comedia “Os peores anos da nosa vida”, o director Emilio Martínez Lázaro (agora de moda polos apelidos vascos e cataláns) entendeu que a sexta novela de Ignacio Martínez de Pisón, "Estradas secundarias" contiña unha posible "road movie" á española e ofreceulle ó escritor que el mesmo a adaptara ó cine. A novela conta a viaxe dun adolescente e o seu pai pola España de 1974 en pleno declive do franquismo, a bordo dun coche, a súa única posesión. Van de aquí para alá intentando sobrevivir a base de negocios abocados ó fracaso, de pequenos timos, incluída unha estafa familiar, que tamén acaba en desastre.

"Estradas secundarias" é a historia das incomprensións que sempre se dan entre fillos e pais. Como diría o propio director "da novela gustáronme especialmente os seus personaxes correntes, xentes do montón, grises…, aínda que a historia non sexa gris en absoluto. Gustoume o humor tan sutil que ten toda a historia, que fai que o adolescente poida ver o que ocorre ó seu arredor con ollo irónico, o que non é moi habitual nos nenos, que teñen unha visión demasiado seria das cousas".
Ignacio Martínez de Pisón encargouse, efectivamente, do guión, polo que o nomearon ó Goya de 1997, e conseguiu un guión moi depurado, con tal falta de adxectivos que mesmo semellaba o traballo dun guionista profesional.

"Estradas secundarias" non deixa de crecer na procura do desenlace, ó que nos fai chegar agradecidos, co sorriso e a lágrima mesturadas dentro da gozosa ambivalencia en que nos envolve o sentimento de solidariedade que desprende un filme ideado e feito con talento e xenerosidade, e interpretado por xente que, como Antonio Resines, Fernando Ramallo e Maribel Verdú, son donos dun infalible instinto para atrapar a emoción allea, e sen esquecer a Miriam Díaz Aroca nun breve cometido.

A película está atravesada por un sutil sentido do humor e un sobrio lirismo, ata culminar no encontro feliz dos dous personaxes protagonistas, perdidos ata entón no percorrido xeográfico e no labirinto dos seus recordos. 

Te puede interesar