Opinión

Ideas

Litros de alcol corren polas miñas veas. Son abstemio. A apocalipse deixou todo escangallado. Mesmo as ideas. Case é o momento de deixar caer un kyrie elison, christe eleison por elas. Hai ideas que morren ou que deixamos morrer. As miñas case mellor dicir que as deixo morrer. Asoman tanto ó meu intelecto que, algunhas, que remedio, quedan polo camiño. Non consigo abarcar todo. Quizais por falta de tempo. Como di Víctor Manuel: son un corazón tendido ó sol. E todo, cunha certa insolación, adoita minguar, secar. Como certas ideas. Unha misa de réquiem pola borralla das mesmas.

Pingas de orballo barrenan a miña existencia. Porque hai ideas retorcidas, imposibles, incluso falsas que merecen unha bomba de napalm para que ardan no seu propio inferno. Son coma o Robert Duvall de Apocalypse Now. Aínda que, no fondo, sexa un bendito. Teño idea de que son un bendito. Ó mellor é un dicir tan só. Son o Valle-Inclán que lanza ideas esperpénticas. Que primeiro afogan e logo aboian. Que primeiro choutan e máis tarde acochan por debaixo dos feixes da covardía. Ou da conciencia. Ideas con conciencia hainas; o caso é saber usalas e con quen usalas.

Palabras líquidas baixan polo bolígrafo para aniñar nun conxunto de ideas secas. Ou eternas. Ou escasas. Ou extravagantes. Ou bélicas. Ou apocalípticas. Ou místicas. Por todas elas, unha misa negra para que se mostren os demos. Aínda que, eu, rezarei por unha paz inmortal, levadía e universal. Con ideas cheas de cores e deitadas sobre sabas de flanela. Sobre a miña intelixencia.

Te puede interesar