Opinión

Imos alá

Veña, imos alá. A dicir o que non se ten que dicir. A mirar o que non debemos mirar. Se digo que chove, minto. Porque vai un sol do carallo. Se miro para as plumas do paxaro que vai de carballo en carballo, seguro que son as patas dunha bolboreta que pousan sobre unha coíña do camiño. Veña, imos alá. A sentarnos no valado dun tempo que xa non volve. A bambearnos nunha galla de castiñeiro que o tempo converteu xa nun esquelete natural. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ata cambiamos do lugar no que estamos para o que imos. Veña, imos alá. Imos imaxinar que estamos en Siria e que catro bombiñas de nada caen porque teñen que caer, porque as mandan caer. Imos imaxinar que estamos en Estocolmo e que un Fittipaldi de merda altera o vivir de moitos que non saben de que vai o conto. Imos imaxinar que a vida é o que é e que non queda outra que vivila, estando quietos ou en movemento continuo. En principio, hai que moverse. Imos alá.

Te puede interesar