Opinión

Incomoda e moito

Para os críticos e cinéfilos una “película pequena” adoita designar un produto carente de actores importantes, sen efectos especiais nin grandiosidade de ningún tipo, pero tocada por esa chamada variña máxica que é a inspiración. En ocasións, as pequenas películas revístense dunha forma pouco estridente para contar unha historia que semella pura anécdota, pero tras a cal latexa nada máis e nada menos que a vida. O caso que nos ocupa é deses, agrandado, ademais, porque a orixe do filme é tan exótico como Uruguai, un país que conta tan só por unhas poucas ducias o número de títulos que foi capaz de producir en case un século.

Pero a dicir verdade, “Whisky” (2003), que é tamén coprodución con España, vén de atrás, concretamente dunha aínda máis modesta produción chamada ”25 watts” que, vía festivais, xa puxo en antecedentes sobre a existencia de dous mozos creadores, Juan Pablo Rebella e Pablo Stoll, que apuntaban algo máis que maneiras. Un cine de mozos e para mozos semella aquel, que falaba de fastío, do día a día nun país en crise, da falta de oportunidades. E que o facía cun sentido do humor soterrado e sutil, como non querendo incomodar a ninguén, pero logrando xustamente o contrario: incomodar e moito, a uns cantos.

Os personaxes de Rebella e Stoll creceron en “Whisky”, a súa segunda longametraxe. A dicir verdade, andan xa polos 50 anos, foron e son bastante maltratados pola vida e aférranse, coma sen querer, a unha práctica feita de rutinas, de hábitos mecánicos, de sentimentos coidadosamente ocultos tras o áspero disfrace do día a día. “Whisky” non sería a extraordinaria e intelixente película que é sen o humor tan fino que se filtra entre os seus fotogramas. Os directores queren ós seus personaxes e respéctanos, e o que emerxe das poderosas imaxes desta película á que non lle sobra un só plano é un inmenso retrato de fracasados feito con humor, con tenrura, con sabedoría. Unha película de visión obrigatoria para calquera persoa sensata.

Te puede interesar