Inversa teatro e a violencia machista

Inversa teatro e a violencia machista

Só sei que nada sei. Iso é moi relativo. Ou non. Sei do maltrato, da violencia machista, pero quizais na realidade non saiba nada. Menos mal que o venres a compañía Inversa Teatro me amosou algo máis desde as táboas da Casa da Cultura de Barbadás. “Sofía e as Postsocráticas” é unha obra que che intenta abrir os ollos (e o consegue) sobre esa lacra que maioritariamente só sabemos polos xornais, pero que existe. E existe de verdade. Existe de tal maneira que as mortas case caen a diario e os acosos a cativos nos colexios segue á orde do día. Non obstante, e como reflectían na obra cun exemplo no que nos fixeron participar as tres actrices da representación, o maltrato e o acoso tamén dependen do ollo con que os queiramos ver.

Hai maltrato en certos silencios. Hai maltrato en todos os berros. Hai maltrato na culpa. A maltratada, a violada, a acosada, moitas veces, pasa a ser a culpada... por deixarse levar, por asomar ó principio un sorriso confiado, por unha ollada que provoca. Hai maltrato pola indiferenza do espectador, que ve e pecha os ollos ou mira para outro lado. Hai maltrato nunha ollada. Hai maltrato nunha simple palabra. Hai acoso nun xesto, nun ademán, nun sorriso burlón.

O 16 de xaneiro de 2016 (fixo xa tres anos) publicouse neste xornal unha reportaxe miña sobre Inversa Teatro, que a remataba co seguinte parágrafo: “Paul Newman deixou unha frase para a eternidade: ‘Actuar é como baixar os pantalóns; expós a túa intimidade’. Marta Pérez expón en ‘Fémina Sapiens’, durante un longo cacho, toda a súa intimidade e representa aí, reflicte aí un carácter de actriz inmensa e de muller que che abre os ollos de admiración polo seu compromiso social. Espero con ansia unha nova produción súa”.

A nova produción chegou, por fin!, coa representación de “Sofía e as Postsocráticas”, aínda que, por esta vez, Marta Pérez estaba acompañada por María Roja e Silvia Penas. Aquí non expuxo a súa intimidade física, pero si nos amosou, nos amosaron toda a súa intimidade, interioridade mental. As tres, realmente inmensas e filosofando sobre un asunto que, aínda que moitos non o queiramos ver, está metido xa nas nosas entrañas. Inversa Teatro reflícteo perfectamente.