Opinión

Contra a liberdade cultural

Seguen as censuras dos dous partidos máis “moralistas” de España: PP e Vox. Agora tocoulle ó concello de Móstoles, onde a súa área de Cultura quitou unha mostra de fotografía da artista madrileña Olga Barra, máis coñecida como Dhikena, porque seica atenta contra a moral e algúns pais e nenos poden sentirse agredidos. Unha exposición que foi seleccionada por unha comisión de expertos. Porén, para experto, profesional ou especialista quen mellor que o concelleiro de Cultura Daniel Martín, de VOX, que, nun amén, dixo que moito coidado coa liberdade artística ou cultural.

Que manía teñen de meterse na vida dos demais, de querer dirixir a vida dos demais. Queren facer un feixe das nosas liberdades para telas aí, atadas e manipuladas. E os políticos senten que teñen poder para mangonear os nosos corpos, as nosas ideas, os nosos sentimentos e pensamentos.

Sempre se me vén á cabeza aquela película de Martin Scorsese (“A derradeira tentación de Cristo”) que causou un río de “críticas morais”, concentracións e mesmo rezos de rosario ante os cines, de xente que, o 90% deles, nin tan sequera viron tal filme.

Creo que moitas veces falamos da moralidade sen saber moi ben o alcance deste substantivo, sen saber distinguir ou diferenciar a moralidade da liberdade. Cada persoa debería ser libre para opinar en por si e non estar á expensas de catro pasmóns ou dun que dirán. Certo que, no noso país, é moi complicado o asunto. Non se borran a carga cerrada ou dunha vez por todas corenta anos de censura. Que é un dicir; máis dunha vez teño confesado que hoxe en día hai máis censura ca nunca. Como acaban de deixar constancia eses entendidos.

Te puede interesar