Opinión

Libres de pensamento!

Que manía a de meterse cos sentimentos da xente! O Dépor ábrelle un expediente á xogadora de fútbol feminino Patricia Díaz Rúa, ourensá, porque seica celebrou a vitoria do Celta ante o seu equipo masculino. O asunto parece ser que, ó final, foi unha broma dunhas compañeiras, que foi sen ela querelo. Pero aínda que fose querendo, que pasa? Por animar ó Celta vai deixar de intentar meter goles co seu equipo. Estou por apostar que se algún día xoga contra o Celta intentará ganarlle. A ver se empezamos a distinguir, a diferenciar o lugar de traballo do de nacemento, ou o lugar de traballo doutro polo que sintamos algo máis de cariño. A ver se por unha vez nos deixan ser libres, polo menos, de pensamento! Que xa está ben que os de fóra nos queiran levar polos regos deles. Que hai xente que sabe arar os seus propios regos. Eu xa podo vivir e traballar máis de media vida en Maceda, que non creo que lles importe que pregoe unha e outra vez que son de Baños de Molgas. Como ós da miña vila non lles preocupará moito que fale ben de Maceda. E se lles preocupa a uns e ós outros, malo! Son duro de roer coas miñas ideas. Teño moi asumido o da ovella negra. Patricia, non deixes que mangoneen os teus sentimentos. Os teus sentimentos son teus e de ninguén máis.

Te puede interesar