Máis trinque e menos Constitución

Máis trinque e menos Constitución

O asunto é grave. Dentro de pouco Galicia quedará sen habitantes. Levamos 30 anos con máis mortes que nacementos. E mirade que o teño dito: máis cópula, máis trinque. Polo menos nas noites de inverno, para combater esas tremendas xeadas. Pero non hai maneira. O asunto ten que estar na paupérrima economía nosa. Porque o fornicio nunca pasou de moda, nunca pasa de moda. Co bonito que é. Pero, claro, quen lle dá de comer hoxe en día, só que sexa, a dúas ou tres bocas. E quen volve a aqueles anos nos que as familias constaban de dez membros ou máis incluso. Naqueles tempos ardían os ceos e imperaban os lóstregos nocturnos.

En Cuba seica venden exemplares da nova Constitución por tres céntimos de euro. Cubaniños, non sexades parvos, para que queredes a Constitución! Para que quere a xente a Constitución, se nin Cuba nin ningún país do mundo cumpre logo coa Carta Magna. Por cumprir non se cumpre nin un maldito artigo, nin apartado, nin capítulo. Máis ou menos o que acontece coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Dos dereitos que? É igual; de calquera declaración, ou norma, ou lei, ou principios, ou regras.