Opinión

A mal tempo, boa colleita

Todos os sábados toca ir á aldea da muller. Fomos. Pero como o tempo climatolóxico non axudaba para facer algo útil, non quedou outra que ir ós cogomelos. Para matar o outro tempo. Así é que, aínda chovendo un pouco, collemos con dirección cara ás Veigas e cara ó Val. Todo por entre piñeiros. Axiña apareceu o primeiro boleto. E se buscabamos por entre as carqueixas, os boletos asomaban a moreas. En non todos os lugares había carqueixas. Pero foron suficientes aqueles nos que as había para encher axiña dúas cestas de cogomelos. A mal tempo, boa colleita. Claro que, de xeonllos para abaixo puxémonos coma pitos. Marchamos para a casa con dúas cestas de boletos e uns dez níscaros, os primeiros que colliamos este ano. Pola tarde, a miña muller non respectou o slogan ese de que a sesta é algo sagrado no noso país, xa que logo de xantar, non tardou en escaravellar sobre a miña orella para saír a dar outra volta. O que significaba, máis setas. E non houbo maneira; tanto me aburriu que non quedou outra que erguer da cama. Menos mal que xa dera eu unhas boas cabezadas. Fomos e pillamos outra cesta máis, agora xa con bastantes máis níscaros. En total, tres cestas. Xa temos con que acompañar as comidas durante uns días. A mal tempo, boa colleita.

Te puede interesar