Opinión

Sobre o mantel vermello

Cadrados pequenos sobre mantel vermello. Obxectos espallados pola mesa. Percy Sledge cantando “cando un home ama a unha muller”. Fóra xea. Un microondas traballando. Dous dedos dándolle ás teclas dun ordenador. E o ruído asomando por dous lados: polos auriculares e polo microondas. Si, tamén cada vez que alguén golpea as teclas do ordenador.

Ese alguén é Arcadio Moreno Galán, O Moléculas, que é fillo da Sonia Galán Sadurní e de Efrén Moreno Santurce, Os de Fóra. Porque este matrimonio chegou de países estranxeiros (ninguén sabe moi ben de cal ou de cales) e asentaron en Chaodarcas, no concello de Pereiro de Aguiar. O Moléculas nunca soubo moi ben que facer da súa vida e, en principio, déuselle por escribir. Para isto, o pobre, pensa que lle chega con contemplar o que o arrodea.

Lúa vella sobre o ceo ourensá. Un reloxo que marca as tantas nun forno de cociña. Outro que marca a mesma hora desde unha parede da mesma cociña. E un terceiro que se ilumina cando O Moléculas lle toca ó móbil que ten á súa beira, máis en concreto, á súa esquerda. A banda sonora de “Eragon” sae agora polos auriculares que descansan sobre a cabeza de Arcadio.

Así, tal cal, vai O Moléculas deixando caer palabras e poder dicir, co orgullo bailándolle sobre a punta da lingua, que é escritor. Pobre Arcadio, senta nunha escaleira calquera da aldea e contempla o universo, ou sexa, os biosbardos e espera a velas vir. De cando en vez dálle ás teclas e di que sobre o mantel vermello está, hoxe, a súa esencia, o seu pensamento.

Te puede interesar