Opinión

Maraña de tramas

En 1992, un director texano chamado Robert Rodríguez fixo do seu debut unha chiscadela que resultou un éxito de recadación. A película titulábase “O mariachi”, estaba rodada con catro pesos (incluso se comenta que os ganara presentándose coma cobaia humano para probar un medicamento contra o colesterol) e era unha desas excentricidades divertidas, simpáticas que poñía sobre a mesa dos executivos de Hollywood un tema espiñoso: o talento dun descoñecido sen diñeiro podía obter igual ou mellor resposta na recadación que unha superprodución cargada de efectos especiais.

Pistolas de auga contra softwares sofisticados. Robert Rodríguez saltou á fama como o neno traveso e audaz do cine hispano feito en Estados Unidos e non tardou en acadar un presuposto máis folgado para a secuela, “Desperado” (1995), e un cambio de protagonistas que sumaba puntos ó produto: Antonio Banderas e Salma Hayek. De novo funcionou. E axiña chegou a terceira parte con “O mexicano” (2003) para demostrar que o talento, a graza e o nervio lúdico de Rodríguez tiñan un límite. E, polo visto, económico: en cada plano é obvio que o presuposto xa non forma parte das súas preocupacións (o despregamento de efectos especiais é moi grande; as escenas de acción, vertixinosas), pero tamén que o diñeiro debe minguar a imaxinación.

Rodríguez preséntanos de novo a “El mariachi” (Banderas, cunha cotización moito máis elevada), mítico heroe da triloxía que agora concentra a súa melancólica enerxía en levar a cabo unha sanguenta vinganza. Unha premisa que sempre motiva, pero que Rodríguez, coa súa ambiciosa e pretensiosa intención de rizar o rizo, converte nunha maraña de tramas paralelas que mesturan ó exército mexicano coa CIA, a unha pneumática axente policial (Eva Mendes) con delincuentes que semellan extras dun especial de Noitevella. Tanto é o desfase que a situación de actores como Mickey Rourke, Johnny Depp, Willem Dafoe e Enrique Iglesias en personaxes caricaturescos incomoda máis que divirte, e a ostentación do presuposto fai que botemos de menos eses anos nos que a Rodríguez non lle saían as contas.

Te puede interesar