O asubío do tempo

O asubío do tempo

Di un que sabe moito, que o sentimento é coma un asubío do tempo: que sae da folla da melancolía para acougar na á dunha ruliña. Non é nada fácil traspasar os percorridos da experiencia. Ou da realidade. Porque hai realidades que non deixan que as melodías asubiadas sigan o bo ritmo dos latexos do corazón que vai e vén polas corgas do amor. Ese que sabe moito, asubía por entre os codesos da memoria. Aqueles codesos que, hai tempo, arroupaban a voaxa das leiras de medio universo. O asubío do tempo soa por entre as ondiñas do mar e en cada son vai un verso para formar, ó final, un poema eterno. Sempre haberá reloxos con agullas brancas que Medirán o asubío entre a saída dos beizos e a chegada á illa da felicidade ou da nostalxia. E sempre haberá asubíos que contarán toda unha historia. Por exemplo, a que abarca desde o inicio dun pensamento ata os confíns dun sentimento. De moitos sentimentos. O asubío do tempo baila por entre as corredoiras da lembranza e senta, finalmente, á esquerda dun salgueiro que está ante o portelo dun lameiro. Di un que sabe moito, que é bonito asubiar. E eu, aínda que non saiba nada, e por se aquel, xunto os beizos e asubío no tempo.