Opinión

O viaxeiro

Son un viaxeiro de moito pendello. Viaxo moito. Gústame viaxar. Pola mañá fun dúas veces ó centro de Ourense e pola tarde volvín ó centro de Ourense. Pola mañá fun á Valenzá. Pola tarde volvín á Valenzá. Viaxo de aquí para alá e de alá para acá. Viaxo por todos os lugares habidos e por haber. Viaxo ó Oeste coa música de Morricone e ó futuro con Vangelis. Viaxo para ler na explanada que teño por xunto ós garaxes.

Viaxo polo verbo viaxar, desde o presente de indicativo ata o pretérito perfecto, pasando, por suposto, polo xerundio e polo pretérito imperfecto. Viaxo pola vía láctea e pola carreira das Costelas, polas cores do arco da vella e cando saio de paseo coa cadela. Viaxo a Ramiras, en Macendo, e a Baños de Molgas, miña terra. Viaxo amodiño e correndo.

Son viaxeiro de forza maior. Porque teño medo que se non viaxo, a casa me caia encima. Non me apetece ter unha morte desas. Ademais, viaxando vese mundo, moito mundo. Hoxe por hoxe aínda que só sexa pola contorna. Pero baixo a batuta do pretérito perfecto, podo dicir e digo que viaxei pola maior parte de España, por Montpellier, por Venecia, por Iugoslavia cando aínda era Iugoslavia, por media Grecia, por Sofía, por Chaves, por Viana do Castelo e Valença do Minho, por Santa Cruz de Tenerife, por toda a costa galega, por todo o interior galego e, se queredes, mesmo pola Galicia profunda. Polo monte Medo farteime de viaxar polas mañás. Polo monte de Pinouzos media vida viaxando polas tardes.

Viaxo polos sentimentos e os soños, polas pingas dos bafos dos espellos, polos campos de fútbol e as vías do ferrocarril, polo eco dun berro e polas asaduras da ansiedade. Viaxo coa música de Elvis Presley e de Sabina, de Carlos Núñez e Guadi Galego. Viaxo sempre porque son un viaxeiro eterno.

Te puede interesar