Opinión

Obra aberta

A excelente cineasta polaca Malgorzata Szumowska acaba de brindarme con “Mug” unha obra aberta e humana en torno a unha premisa xenial -a idea dun personaxe que perde a cara- e un contexto tan ordinario como aloucado cunha seguridade que xa desde o título, dunha soa palabra ("mug", cunca) dá a entender que os grandes efectos brillarán pola súa ausencia a pesar da amplitude dos temas propostos.

A cinta conta a historia dun mozo, rebelde e feliz que un bo día perde a cara. Un accidente de traballo desfigúralle a face de forma tan radical que se converte no primeiro candidato europeo para un transplante de rostro. Cando volve á súa aldea tras a operación, xa nada volverá ser igual. As súas faccións convertidas nunha soa cicatriz servirán para poñer ben á vista as feridas dunha sociedade enferma. A alma da moi católica Polonia fuxe por un costurón.

Unha intensa enerxía desprovista de calquera tipo de contención por parte da directora transmítese na narración da película desde o primeiro momento. A súa concisa montaxe enlaza unha serie de situacións que configuran de maneira impresionista unha descrición e ácida crítica social a través do retrato costumista dos seus veciños. A directora non só constrúe un xuízo moral a través da cámara no enlace social da súa narrativa, senón que tamén desfai psicoloxicamente ó propio protagonista durante a súa metraxe a partir da relación co seu propio corpo, entre a súa vida anterior e a actual, entre os seus degoiros e a imposibilidade de alcanzalos, entre como é capaz de aceptarse ou non a si mesmo fisicamente e a transformación aparentemente irreversible que supón para a súa existencia, a súa sexualidade, as súas aspiracións amorosas ou laborais e as súas amizades.

“Mug” volve a insistir no máis visible da filmografía de Malgorzata Szumowska, sempre pendente de, outra vez, as cicatrices do seu país. Diso e da relación da muller (neste caso, o home) co seu corpo. A película é toda ela precisamente iso: un intento por retratar cada un dos pregos dunha cicatriz que está aí para que a alma non fuxa. Boa película.

Te puede interesar