Opinión

Outra das tres marías

Son un fanático do deporte, en xeral, e do fútbol e o ciclismo, en particular. A ximnasia penso que se pode considerar un deporte. A que se levaba a cabo nos colexios dos anos 70 creo que era máis deporte que unha actividade física para estar en forma. Porén, eu odiaba a ximnasia!

Odiaba a ximnasia porque me sentía un pouco romo e, principalmente, covarde a causa do meu físico. De rapaz (agora xa me dá igual) sentía vergonza do meu propio corpo, da miña delgadeza. Non obstante, algunhas actividades levábaas mellor ca outras. Asimilado o defecto físico, optaba por non desentoar moito. Con todo, había dous exercicios que, estes si, odiaba con toda a miña alma. Agatuñar polas cordas era un calvario, mesmo por aquelas que tiñan os nós para axudarse cos pés. A miña forciña nos brazos era a que era. Pola corda lisa, pola de sen nós, agatuñando só cos brazos, non conseguía subir nin medio metro.

Se a corda era o calvario, o plinto, o puto plinto era a morte. Na corda, o profesor podía intuír que a miña forza era a que tiña, pero ante o plinto sabía que podía saltalo perfectamente. Eu tíñalle pánico porque nunca o conseguía, sempre quedaba a media, é dicir, a cabalo do aparello. Unha vez debeume ameazar con que suspendería (lembrade, “as tres marías” aprobábanse sempre) que peguei tal bote no pequeno trampolín que nos puñan, que dei unha volta de campá e os compañeiros tiveron que agarrarme para que non me esnafrara no chan do pavillón, ou sexa, fóra da colchoneta. “Se queres podes saltar tres plintos”, me dixo o profesor. Pero nunca volvín saltar desa maneira. Sempre quedaba de cabalo sobre o plinto e o meu odio a ese aparato seguiu toda a etapa escolar.

Te puede interesar