Para que vou contar nada!

Para que vou contar nada!

Dicían que chovería, pero, por agora aínda non choveu. Así é que vou dar unha volta pola rúa do Bugallo e a carreira dos Agros de Baños de Molgas ata As Pedrosas. A verdade é que non sei por que vos conto isto. Hoxe non teño moitas ganas de contar. A ver, que necesidade tedes vós de saber o que digo ou fago eu. Hai un cachiño que deixei a Eduardo, o Alpargatas, e tamén quixo saber para onde ía. Por aquilo de non ser descortés díxenlle que iría pola rúa do Agro abaixo para ver a Aira do Pombal, que xa hai moito que non a vexo. O Alpargatas quedou contento e tranquilo. Pero eu, como dixen, metinme pola rúa do Bugallo. Mentinlle, e que? A ver se vos minto a vós tamén! Non se pode ser tan entremetidos. Total, ó final máis seguro que me meta polo carreiro das Lameiras para beber a auguiña fresca da súa fonte. Despois ata poida que volva para a casa sen achegarme tan sequera ás Pedrosas. E mira que dixen que para que vos vou contar nada. O outro día, nunha conversa desas que fan algúns veciños ante unhas cervexas, ben oín como Ricardo, O Aluminio, lle dicía ó Piolloso de Aurelio que eu era un laretas. Sei moi ben que me chaman O Laretas. E que! Será porque digo que non conto nada e solto todo. Eu que sei!