Opinión

Paxariños na cabeza

Quero voar por entre as carballeiras de Baños de Molgas pero deixei as ás na Tapada Nova e a esperanza posta nun niño de rula nas Lagoas. Non queda outra que subir ó burro de Salustiano Monsergas e percorrer o camiño de ida e volta ata o monte Medo. Alí, xa coas ás postas, collo velocidade pola chaira de Vide e desde o borde mesmo do Outeiro do Corno emprendo o voo para sucar, para fender as leiras de Tras das Poulas. Á altura dos Lamas soño con tres vacas e unha infancia, a miña infancia. Dicir os Lamas é dicir tardes de partir o lameiro a cachos para que o outono durase e perdurase. Ó pasar polos Poulos vexo os momentos nos que oito ou nove simples regos te mantiñan baldado durante un anaquiño de tempo. Intento aterrar na Pitediña para que o ruxerruxe do río Arnoia me amodorre e suspire para pasar ás Mestras e, alí, observar os carballos centenarios nos que se pousan os paxariños que teño na cabeza. Houbo nenos que, en tempos moi pasados, viviron grazas a que se inventaron uns soños. Paxariños na cabeza.

Te puede interesar