Opinión

Película áspera

Ben porque o anonimato ou o alcance planetario da Internet lles posibilitou contactos, ben porque foron sempre unha realidade latente, ou ben, en fin, porque as novas esixencias sexuais e a veloz reescritura dos roles tradicionais deixaron en claro fóra de xogo a moitos adultos na expresión da súa sexualidade, o certo é que os pedófilos asoman periodicamente, cada vez con maior frecuencia, ós medios de comunicación.


“Capturing the Friedmans”, o documental máis polémico visto en Estados Unidos despois de “Bowling for Columbine”, de Michael Moore, rescata un vello caso de pedofilia e pederastia co que o seu director, Andrew Jarecki, se atopou de súpeto mentres preparaba algo máis inocuo, un documental sobre pallasos animadores de festas privadas. Coa axuda de David Friedman, coa inapreciable colaboración da súa familia e apoiándose no contumaz exhibicionismo dos seus membros, que rodaban en formatos domésticos e en vídeo as festas e ata as discusión familiares, Jarecki recompón a historia dunha familia de clase media-alta, desfeita pola paidofilia do seu pai (condenado e morto no cárcere) e pola inocencia, aínda que xamais demostrada, do fillo pequeno, que purgou nada menos que once anos de cárcere por un delito que non cometeu.


A importancia do filme é múltiple: porque denuncia o papel sinistro que os medios de comunicación poden adquirir en calquera caso de pedofilia se non son deontoloxicamente coidadosos; porque mostra as esgazaduras dunha familia cuxa nai, a gran afectada polos amoríos sinistros do seu marido, é literalmente menosprezada polos seus fillos, e porque pon en evidencia a cada vez maior centralidade do documental como verdadeiro bisturí útil para cortar as maiores pústulas da vida en sociedade. “Capturing the Friedman” é unha película difícil, áspera, aínda que ben enlazada e desenvolvida; a súa visión agradeceraa calquera cidadán preocupado polas implicacións desta vella e nova praga que tanto contamina ás sociedades democráticas.

Te puede interesar