Opinión

Película de xestos

Sen andar con pataqueiradas: “Bombón, o can”, cuarta longametraxe do arxentino Carlos Sorín, é unha excelente película. Ganadora do Premio Especial da Crítica no Festival de San Sebastián, narra a sensible historia dunha amizade entre un parado, Juan Villegas, e un dogo arxentino, cun ton intimista, contrapunto da inmensa e desoladora paisaxe na que se sitúa: a Patagonia. Sorín, que xa acadara numerosos premios e o apoio popular polo seu anterior traballo, “Historias mínimas”, volve amosar a súa preferencia polos perdedores, polo relato do cotián, e faino desde a convicción de que a sinxeleza é a mellor demostración da sabedoría.

“Bombón, o can” é sen dúbida unha nova historia mínima. A Patagonia, a rodaxe con actores non profesionais, a sobriedade estilística, a austeridade nos diálogos..., todo remite a unha forma de concibir o cine que o propio realizador describiu con precisión: ”Os meus personaxes non se caracterizan por frases memorables, por iso aposto polo rostro, os xestos, os silencios”. E así é. Claro que hai rostros e silencios que o expresan todo.

Juan Villegas, empregado de gasolineira, é despedido por un reaxuste de persoal. Ten 52 anos e a súa vida, como o seu futuro, ten poucas saídas. Unha casualidade convérteo en propietario dun magnífico exemplar de dogo arxentino, o que ó mesmo tempo lle permitirá coñecer a novas xentes e vivir situacións que non esperaba. Abrolla, sempre desde a mesura, un indicio de esperanza. Villegas e o can percorrerán boa parte da inmensidade patagónica nunha escangallada camioneta. A película alcanza a condición de nómade e o espectador asiste á consolidación dunha gran amizade. Son varias e importantes as circunstancias que comparten: un presente no que a simple supervivencia é o valor máis apreciado, un territorio que impón e condiciona unha actitude estoica, amizades recentes tan solitarias como eles mesmos, incluso unha certa impotencia sexual. Todo se desenvolve con sinxeleza, cunha hábil mestura de comedia e drama sen acenos. A mirada de Sorín é a de alguén que busca transmitir os mellores sentimentos básicos dos seres vivos, humanos ou non, sen o menor asomo de adoutrinamento.

Te puede interesar