Opinión

Plana e acartonada

Boa parte dos cineastas xaponeses de terror empezan a repetirse demasiado. Tanto que para definir “The Ring 2” (2005) hai que facer case un xogo malabar: é unha nova versión americana da secuela xaponesa da película orixinal. Para colmo, dirixida pola mesma persoa, Hideo Nakata, fichado por Hollywood para refacer os seus filmes orixinais, pero con intérpretes, ambientación e medios americanos.

Polo menos hai que outorgarlle o mérito de non copiar sen máis e de cambiar bastante o “The Ring 2” dirixido en Xapón en 1999. Esta vez a cinta de vídeo cuxa visión provoca a morte é unha escusa para indagar na relación entre os personaxes de Naomi Watts e o seu fillo, ademais de, evidentemente, repetir fórmulas de maneira aburrida (a montaxe de vídeo, que conxelaba o sangue na primeira película, xa non conmove)

Comparada coa primeira parte americana, de Gore Verbinski, esta segunda de Hideo Nakata é algo máis monocorde e moito menos esixente á hora das explicacións (algo habitual no cine de directores orientais de terror como Nakata, Takashi Shimizu ou Kim Ji-Woon). Así, xorden preguntas de última hora tan básicas como por que a policía non acude á casa da muller tras o asasinato no hospital?,  ou que pasa co cadáver masculino que queda no coche? Aínda así, Hideo Nakata, que pode repetirse pero segue conservando certo talento, crea un par de secuencias de verdadeiro arreguizo: a dos cervos na estrada, semellante a outra, pero con monos, da magnífica “A profecía” (1976), de Richard Donner, e a da nena fantasma reptando, serpeando polo pozo.

Non obstante, o gran mérito da cinta é a presenza desa gran Naomi Watts que xa nos regalou o seu talento en varias ocasións e en rexistros dos máis dispares, desde o dramático ó cómico, deixándonos unhas magníficas interpretacións que, por si mesmo, conseguen sustentar algunhas películas que, sen ela, non merecerían nin tan sequera unha liña de crítica ou de estudo. Resumindo: película moito máis plana e acartonada cá a anterior.

Te puede interesar