Opinión

Ramón Novarro

Desgraciadamente a fama dun actor do cine mudo depende do azar ou a casualidade. Cantas películas chegaron ós nosos días; e delas, cantas son representativas do intérprete en cuestión, amosándonos o mellor del? Neste caso, Ramón Novarro foi máis afortunado que a maioría. Traballou case exclusivamente para a Metro, e das películas desa produtora que lograron sobrevivir, dúas son obras mestras con Novarro no elenco: “Scaramouche” (1923) e “O príncipe estudante” (1927), mentres que unha terceira, “Ben-Hur” (1925) é unha película non tan boa, pero chea de acción e espectacularidade.

Ramón Novarro chamábase en realidade Ramón Samaniegos e naceu en México o 6 de febreiro de 1899. Seu pai era un dentista que fuxiu da revolución mexicana e instalouse nos Ánxeles en 1914. De mozo cantaba e bailaba ben. Por iso traballou como camareiro-cantante, en teatros de vodevil e, para 1917, lograra abrirse paso nos estudios de cine como extra. En 1921, a maiores de bailar en nunha de Mack Sennett, interpretou un pequeno papel en “Os catro xinetes da Apocalipse”, á beira de Rodolfo Valentino. Xa en 1922 acadou o papel protagonista en “O prisioneiro de Zenda”. Como tivo éxito xa interviu nos catro seguintes títulos da compañía. E esta, para salientar a súa imaxe de “latin-lover”, convenceuno de que cambiase de apelido e a partir de “Mulleres frívolas” (1922) pasou a chamarse Ramón Novarro, e foi cando rodou “Scaramouche”.

Despois xa interpretou a un nativo das illas do Sur en “Where No Pavement Ends” (1923) e “O pagán de Tahití” (1929), unha das primeiras películas sonoras, na que incluso cantaba. Fixo de ladrón francés en “Lirio entre espiñas” (1924) e de mozo tipicamente norteamericano en “The Midshipman” (1925) e “The Flying Geet” (1929). Soubo capear ben a chegada do sonoro, pero o estilo romántico de interpretar foi pasando de moda e aínda que apareceu en algún que outro título interesante, pouco a pouco as súas películas colleron o rumbo da mediocridade. A súa derradeira película foi “O pistoleiro de Cheyenne” (1960), de George Cukor. O 31 de outubro de 1968 acabou brutalmente asasinado por dous pequenos delincuentes que intentaban roubar na súa casa pensando que non había ninguén nela.

Te puede interesar