Opinión

Resultado vistoso

Medio século máis tarde “Os sete magníficos” (2016) volven cabalgar de novo nun interesante remake da man de Antoine Fuqua. O director de “Training Day” ou “The Equalizer”, as dúas protagonizadas por Denzel Washington (o mesmo que a que vou analizar) trae un western en toda regra con poucas variantes argumentais en relación á película que John Sturges realizou en 1960.

Eu mesmo non son moi partidario de remakes ou segundas partes, pero “Os sete magníficos” de Washington, Chris Pratt, Ethan Hawke, Vincent D´Onofrio e Peter Sasgaard, entre outros, pouco teñen que envexar á súa predecesora. Xa que o filme posúe unha corrección formal e aceptable nivel de entretemento durante boa parte da metraxe.

Hai que lembrar que o filme de 1960 xa era unha versión de “Os sete samuráis”, do mestre Akira Kurosawa. Sturges non era Kurosawa como tampouco Fuqua non é Sturges nin Kurosawa, pero aquel si ofrece unha fermosa película cun reparto moi axeitadiño.

O realizador Antoine Fuqua segue fiel ó espírito e esqueleto da primeira. Son sete heroes que loitan contra os malos, aínda que cambiou algúns feitos, situacións e personaxes. Non obstante, o resultado final é moi vistoso, cunha auténtica ensalada de tiros, con moreas de mortos e, iso si, sentido da espectacularidade, do efectismo. Hai humor, asasinatos, explosións, pelexas, todo o típico do Oeste americano. O empaque técnico é bastante competente, aínda que, claro, no subconsciente, botamos de menos a partitura orixinal de Elmer Bernstein. Aínda que, polo demais, James Horner non desentoe.

Un puñado de escenas de gran intensidade, algúns orixinais pasaxes de humor negro e certos momentos para o lucimento dos intérpretes son máis que suficientes para converter a estes “sete magníficos” nun produto bastante entretido e eficaz, que, no western de hoxe en día, é máis que suficiente. Porque Antoine Fuqua tampouco é Clint Eastwood. Nin, por suposto, “Os sete magníficos” se pode comparar con “Sen perdón”, nin tan sequera con “O xinete pálido”

Te puede interesar