Opinión

Sempre cos labregos!

Tractores na cidade. Agricultores polas rúas. Gandeiros manifestándose. Agricultores e gandeiros, antano, eran só un: labregos. O sector primario, desde a miña infancia, cambiou moito. Agora case dá gusto ser gandeiro ou agricultor, e a pesar dos pesares. Por certo, sobre as manifestacións: ó mellor igual me inflúe o cabreo, o anoxo, o enfado, o malestar, pero case podo dicir que, hoxe, non estou con eles. Tiveron a oportunidade de manifestarse de pleno o pasado domingo a base de meter as debidas papeletas nunha urna de cristal, pero semella que... Agora, claro, sairán pola tanxente confesando que non os votaron, mais unha maioría absoluta non se acada cun cento de votos tan só. Así é que, como se adoita dicir: cada pau que terme da súa vela.

Fun labrego, síntome labrego, traballei para os labregos e defendín, defendo e defenderei sempre ó sector primario. Porén, tamén hai que saber facer autocrítica. Acabo de ver e ler unha viñeta de El Roto que cadra moi ó xeito: “Liberados das cadeas, acudiron ás ferretarías a mercar outras”. Moita protesta, moita queixa (sanidade, educación, lingua, agricultura, etc), pero volvemos a darlles a confianza. Aguantar pau e vela!

Ó que ía; o sector primario cambiou moito. O labrego era escravo e vivía na miseria. Agora está case todo mecanizado e mesmo a vestimenta é coma vivir na gloria. Cheguei a ir ós toxos coas zapatillas furadas por abaixo, andaba con chancas que me encetaban os pés e vestía no inverno unha gabardina desgastada que a nai de Moncho Borrajo lle regalara á miña porque lle sobraba. Emporiso, ben que me alegro da melloría deste sector e... sempre cos gandeiros! Sempre cos labregos!

Te puede interesar