Opinión

Só hai media carracha

Todos os extremismos políticos dan medo. A min danme moito medo. Din que do amor ó odio hai un paso. Pero da carraxe á hostilidade hai media carracha. E todos sabemos como se agarran as carrachas. E o que chupan as carrachas.

Xa hai bastantes días que o concello de Quintanar de la Orden, alá pola provincia de Toledo, censurou unha obra teatral porque os catro actores protagonistas saen en calzóns. Por certo, que diferenza hai entre unhas cirolas ou calzóns e un traxe de baño? Se os dous cobren as partes pudendas (que temos todos; certo que, algún, se estivera capado, tampouco estaría mal), por que non se censuran entón as praias ou piscinas?

O dos extremismos políticos vai, por suposto, polos que gobernan ese concello. Ó mellor ata non era necesario que o dixera, porque intúo que xa saberedes a ideoloxía política deses que gobernan tal consistorio. Non obstante, aínda vexo máis perigoso o detalle de que non é tan só un partido político o que goberna Quintanar de la Orden (seguro que intuístes que este era Vox), senón que está en coalición co Partido Popular. Certo, non sei por que me chama a atención o perigo do PP, cando este é tan extremista como aquel; chégalle cun simple empurronciño para descubrir a súa auténtica realidade.

Se censuran a cultura por uns calzóns, á miña admirada Marta Pérez, de Inversa Teatro, que non se lle ocorra presentar por aqueles lares a súa obra Fémina Sapiens, que xa queda automaticamente presa. E se censuran uns calzóns, que farán ó saber dunhas ideas que non sexan as súas? Si, medo, moito medo. Porque tamén xa vimos actos deles que van máis alá dos culturais e, sinceramente, é para preocuparse, para ter medo.

Te puede interesar