Cada vez me cabrean máis eses comentarios despectivos que adoitamos facer sobre os inmigrantes, cando nós, precisamente nós, os galegos, somos un dos países máis emigrantes do mundo mundial. E se non que llo pregunten a Manuel Garrido Prol, que no ano 1923 tivo que marchar para Cuba, con 18 anos tan só (un crío aínda) desde o seu Almoite natal. Nacera o 25 de setembro de 1905 do matrimonio formado por Pedro e Dosinda. Cruzou o charco, é dicir, o Atlántico no vapor francés Niágara e chegou á illa de Alfredo Zayas o día 2 de novembro. E dezaoito anos máis tarde, no 1941, casou coa cubana Asia González, con quen tivo dous fillos: Carlos e José, segundo o investigador e historiador cubano Mario Luis López Isla. Finalmente instaláronse na provincia das Tunas e alí, Manuel Garrido Prol dedicou a súa vida á venda de froitas. Historias como a deste veciño do concello de Baños de Molgas hainas a moreas, porque antes, agora e por sempre somos un país que temos que emigrar á forza, temos que buscarnos a vida. Como están a facelo a inmensa maioría dos inmigrantes que temos hoxe por aquí. Estes veñen a quitarnos o pan. Nós imos levantar o país cubano ou suízo ou alemán ou británico ou arxentino...
Buscar