Opinión

Somos listos ou non somos listos?

Non sei se no momento de ler este Recuncho está chovendo sobre a provincia de Ourense. É igual, se non chove, xa leva chovido abondo. E o que choverá. Principalmente millóns de euros dos presupostos xerais do Estado. Algo así como o 11% menos que o ano pasado. Ah si... sen ningún proxecto novo. Que cambia moito o asunto. Outro ah si: un 11% menos a pesar de que para Galicia seica si aumentarán un 1,3%. Non é moito, pero algo é algo. Aclarando, que é xerundio: que eu serei torto de verdade porque sempre vou en contra do poder establecido, pero ás veces, algunhas veces, sei fixo que teño razón; cando dixen, digo e direi que Galicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Aí temos o ollo do cu!; subindo a porcentaxe para Galicia resulta que baixa unha barbaridade para Ourense. 

Temos poder ou non temos poder, carallo! E como non imos ter poder se, para máis aquel, as dúas grandes institucións que nos representan, chámense Deputación e Concello, están satisfeitas coa futura inversión estatal. E logo!, aí están!, representándonos máis que ben! Claro que para rematala, a este xornal déuselle por facer unha enquisa online preguntándolle á xente se lle parecían xustos os presupostos de inversión “que o Goberno Central quere destinar a Ourense”? O xoves a cousa ía nun fifty-fifty, ou sexa, nun 50-50%. Somos listos ou non somos listos? Non nos dan nin tan sequera a miseria, e nós... coma Deus! A repanocha xa chega cando tes que soportar nos bares, nos parladoiros, nas conversas a ese 50% baduando con que en Ourense non hai nada, con que vivimos nun país do terceiro mundo, con que maldito Goberno, con que porca miseria. A ver, agora sinceramente, teño dereito a ser torto ou non teño dereito a ser torto?. Porque por esta vez non penso dicir que ó mellor son eu o que erro. Porque a min, don Graciliano ben que me ensinou dicíndome que menos nunca é máis. Así é que, por esta vez, aínda que só sexa por esta vez, os tortos son O Goberno, a Deputación, o Concello e o 50% dos ourensáns. Aínda peor o digo, que máis que tortos son parvos de remate.

Te puede interesar