Opinión

Todo o meu universo latexa

Limítome a contemplar o meu universo: unha folla seca que cae dun carballo das Mestras, unha rula entrando nunha silveira, unha troita choutando sobre as augas claras do Arnoia, unha cegoña aterrando sobre o niño que ten no campanario da igrexa de Baños de Molgas, unha nube branca tirando a gris sobre o ceo molgués e unha parede de pedra na que vou deixar caer, con parsimonia, a miña conciencia.

Sentado xa sobre o musgo verde tirando a apardazado escoito o ruxerruxe da auga, e o grallar dun gaio, e o ladrido dun can, e o berro dun veciño, e a música dun tocadiscos, e o ruído das cadeas dos bambáns do parque da Ansuíña, e o croar dunha ra, e o muxido dunha vaca, e o ornear dun burro, e o canto dun carro. Escoito os latexos do meu corazón.

Estou só e o silencio fíltrase por todos eses ruídos, así como estes rachan de cando en vez aquel. Todo con certa harmonía e cos meus parabéns. Porque, estando a gusto e ben, tal como estou, non hai nada que me desvíe do meu universo. Así, desta maneira, e tal como se adoita dicir, estou na gloria.

Na gloria mirando como asoma a cabeza dun lagarto, como pasa á velocidade de paxaro un vencello, como un bolboreta vai de flor en flor, como un bugallo se bambea noutra galla do mesmo carballo, como o ceo xa é todo azul, como o reloxo da igrexa marca as tantas e como a miña figura se alonga coa sombra da tardiña.

Deixo a parede e marcho, en silencio, cara á ese ruído da auga para cruzar o Arnoia pola pasarela das Mestras. Con ese ruído deixo de escoitar os latexos. Pero nótoos. Porque todo o meu universo latexa.

Te puede interesar