Opinión

Todo pasa…

Xa está. Xa pasou. O refacho de vento que fixo sssshh! O ruxerruxe do coche que rosmou brrrruumm! Todo pasa. Ata unha pomba pasa polo meu lado e, arre demo, pega unha reviravolta e pasa polo outro. Ata pasa o autobús que deixa a xente e emprende a súa marcha de novo. Pasa o silencio e aparece o ruído. Pasa o día e asoma a noite. Pasa o bulebule da auga do río Arnoia por debaixo da ponte vella de Baños de Molgas. Pasa a infancia. Pasa a xuventude. Soamente o recordo se eterniza. Pasa o ruído e non escoitamos o silencio… porque todo é silencio. Pasa o verme luceiro polo atallo da Finca Fierro; e queda a súa luz brillando na noite pecha. Tamén pasa a noite pecha para que a claridade do día se deite na colcha da memoria. Esta tamén pasa co tempo. Soamente ti, recordo, te eternizas. E por iso botamos man deles continuamente… para saber o que pasou. Pasa a vida por esta corredoira que percorremos a través dos recordos.

Te puede interesar