Unha grave situación

Unha grave situación

Non sei se atoparon xa a cobra que seica andaba pola presa de Cachamuíña. Ui que medo! Eu non sei se son as redes sociais ou é que, agora, a xente volveuse parva de máis cando se lle dá tanta importancia á simple visión dunha cobra. Logo, para máis aquel, case se volveu cuestión de Estado, xa que incluso houbo declaracións do tenente alcalde de Pereiro de Aguiar e axiña participaron na busca os GES deste concello, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Porque a emerxencia era grande! Tan grande como a cobra que imaxino que escaparía ante o berro de terror da persoa que descubriu o réptil. Por unha simple serpe semella que se revolucionou media provincia de Ourense. O día que vexamos a unha cóbrega papando, por exemplo, unha ra (como vin máis dunha vez na miña época da infancia), non quedará outra que emigrar para outro planeta, porque, neste, os ofidios asasinos poboarán a Terra. Meu Deus!, con todos os problemas que temos no noso país, unha inocente cobra fainos perder tempo e diñeiro (a operación da busca e captura custará o seu, e se aínda non se atopou, non digo ná), a maiores de sentirnos ridículos ante esta “grave situación”