Opinión

Viaxe á lúa

Viaxe á Lúa” (1902) foi a produción máis ambiciosa de Georges Meliès ata esa data (rodaba xa películas desde 1896), e constitúe un bo resumo dos seus intereses estéticos, que apenas evolucionarían xa durante o resto da súa carreira. Unha curtametraxe anterior, de tres minutos de duración, “A Lúa a un metro” (1898) foi a base de “Viaxe á Lúa”, que xa estaba baseada nun espectáculo fantástico do propio Meliès, “As caras da Lúa e as desventuras de Nostradamus”, creado en 1891 no seu modesto teatro máxico.

Como a maioría das películas de Meliès, “Viaxe á Lúa” rodouse nun escenario montado nun estudio semellante a un invernadoiro, e con iluminación solar. Consta de 18 cadros ou escenas teatrais, coa cámara sempre a certa distancia da acción. Non leva rótulos explicativos; pero a coidadosa recensión de acontecementos que aparece no catálogo comercial da empresa de Meliès, a Star Films, suxire que, aparte de captar a atención dos potenciais compradores, esas descricións utilizábanas os exhibidores para explicarlle a película ó público dos parques de atraccións, composto por traballadores, labregos e nenos, que foron os primeiros entusiastas do cine.

A lóxica egocéntrica e infantil que caracteriza esta parodia das obras de Verne e do novelista H. G. Wells, levada a cabo por Georges Meliès exprésase a través dunha serie de trucos de cámara e de técnicas teatrais de probada eficacia. Entre estas últimas hai que salientar a escena da aparición da Terra no firmamento, lograda mediante o movemento do chan do escenario. Entre os trucos que non dependían da cámara destacamos as maquetas, unha secuencia rodada a través dun acuario e un elaborado travelling no que o que non se move non é a cámara, senón o suxeito, o Home da Lúa, que se achega ó obxectivo ata quedar en primeiro plano.

Os intérpretes movíanse entre decorados de cartón pedra, panos de fondo pintados, todos eles nuns tons grises máis claros ou máis escuros, que creaban un audaz clarescuro, pois a película ortocromática entón utilizada era moi limitada no referente á captación de diferentes tons ou matices da cor. A película de 14 minutos proxectouse a unha velocidade de 16 fotogramas por segundo e revolucionou o cine debido precisamente á súa lonxitude.

Te puede interesar