Opinión

Vigoroso e atractivo

Diciamos a semana pasada que o filme "Sangue fácil" alongárase na súa posprodución ata o inverno de 1983. Pois ben, despois aínda tardou uns meses máis en realizarse a súa exhibición, que se levou a cabo o 28 de marzo de 1984 e recibiuse con entusiasmo. O seu prestixio a nivel de festivais animou ó propietario da hoxe chamada Circle Films a facerse cos dereitos de Sangue fácil e estreala comercialmente nos Estados Unidos e no resto do mundo a partir de 1985.

A trinta anos da súa realización, o filme segue sendo un dos mellores de Joel e Ethan Coen. Con todas as súas insuficiencias e defectos de guión, sobre todo na súa resolución, "Sangue fácil" é un filme vigoroso e atractivo, que se ben está lonxe da perfección formal e estilística da súa magnífica Barton Fink (1991), sitúase por enriba dalgunhas das súas películas con fama de boas.

En "Sangue fácil", os Coen souberon transformar as súas limitacións de produción nunha virtuosa posta en escena baseada na sobriedade da planificación, a textura metálica da fotografía, a excelente utilización dramática do son e a intensidade da labor dos actores (por máis que destaquen con luz propia a espléndida perfomance de M. Emmet Walsh e o traballo contido dunha Frances McDormand que xa apuntaba o boa actriz que é). Quitando algún pequeno exceso, característico da súa condición de realizadores novatos, os Coen fan gala aquí dunha inventiva notable.

Resultan excelentes neste sentido secuencias como a presentación inicial de Abby e Ray, de noite e na estrada, decidindo nese preciso instante converterse en amantes; a escena na que fan o amor no motel, iluminada polas luces dos vehículos que circulan pola autoestrada ou a secuencia na que Marty agride á súa muller, con ese espléndido detalle do can cuxa presenza delata, un segundo antes da agresión, que Marty atópase acochado na casa. "Sangue fácil" exhibe un talento que se intuía que a partir de aí, os Coen demostrarían unha e outra vez en películas como "Arizona Baby", "O gran Lebowski", a impresionante "Fargo" e a incrible "Morte entre as flores".

Te puede interesar