Opinión

Xeitos para ser un cadáver

Din que hai feridas que non cicatrizan nunca. As do amor, as das xenreiras... Pero tamén tardan en cicatrizar as que veñen precedidas por liortas que van máis alá dunha pendencia. Alá polo mes de agosto de 1921 ó veciño de Froufe, en Baños de Molgas, Ángel Lamas Movilla, de 34 anos de idade, e cando estaba nunha finca da súa propiedade, achegóuselle de malas maneiras o seu circunveciño Emilio Cid Rodríguez, dez anos máis novo, co que semella que tiña antigos resentimentos, e sen mediar palabra empezou a dispararlle cunha arma de fogo. O ferido intentou fuxir (quen non!), pero claro, ferido non se corre coma un galgo, polo que o agresor axiña o alcanzou e pensou que se a arma de fogo non acababa con Ángel, ó mellor conseguía rematalo cunha navalla barbeira, polo que lle meteu un corte nas costas duns 24 centímetros de lonxitude (ata sería capaz de pensar de asimilala á súa idade). Pois nin por esas, oe! “Ai si; ti vaia se morres aquí!” E sen andar con panxoliñas saltoulle na aña, saltoulle na chepa e mordeuno no beizo superior, de onde lle arrincou un cacho de carne. Contas as crónicas que o estado do ferido era de gravidade. Madía leva! Como non ía ser grave se o pobre pasara por todos os xeitos para ser un cadáver. A Garda Civil, como non, detivo ó agresor.

Te puede interesar