Opinión

A castañeira

D espois da vendima, vén a castañeira: 'Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas para comer coas mozas catro castañas asadas'. Os soutos limpos, cos arellos nos lugares ladeiros xa arranxados, están á espera de regañaren os ourizos na ribeira do Sil. As primeiras castañas comezan a pingar a mediados de outubro, a xeito de maná caído do ceo para que os labregos da Ribeira Sacra se poidan dar un aire. Apañar as castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobrar o carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, que uns pican e outros non; cómpre erguer os sacos ao lombo e apandar con eles deica a pista que abriu o concello, pois as cabalerías xa non se ven polos camiños de ferradura e, por encima, empezan as chuviscadas do outono acompañadas dun vento rebuldeiro, que apareceu soprando para abanear as noces das nogueiras: vén o pícaro Eolo por estas calendas, así asubiando, alegre como unhas castañolas!, levantándolle as enaguas ás mozas, exhibindo os arroutos de seu, correndo tralas follas que se acochan nos valados, mentres outras esperan agachadas nas caracochas a que amainen as orellas que trae ergueitas do mar océano.

Eh, amigo!, atenda un chisco, que lle quero falar do choio, de min a vostede, que de certo lle vai cadrar co conto: 'Os que xa peiteamos canas, sabe vostede, os poucos que quedamos por estes lares da Ribeira Sacra, non é que botemos a durmir como as castañas nun ourizo, non!, porén certo é que malia de non estarmos para asar castañas, como dicía o outro, ninguén nos vai botar unha man para retiralas do lume, que por moi grandes que sexan as caralladas do campo e da fiscalía, hai que aguantar como decotío lle digo eu ao Gumersindo da Pena: 'non vaias con laios, berros nin patexes coma un becerro pechado nun cortello que, mesmo, che pode estalar unha castaña na boca, ou unha bolerca nos ollos, que os moi bandidos teñen a tixola agarrada pola man, que seica andan matinando como chucharnos as pensións, de por si pequeneiras e ruíns como as castañas que quedan pra rebusca. Me cago nos galos empoleirados! Mira que son mentireiros coma as castañas podres, loura! se limpas por fóra, mais por dentro de chupatintas derivaron en vermes chupóns: ladros, xudeus!

Abofé que si. Manda castaña cos políticos! As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: cómpre ter bo tino para encestalas todas dun certeiro tiro. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingaren véndense ben e, ao cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños constantes e chichantes, que veñen coma as castañas caídas do ceo; porén, as máis serodias, ao baixar a demanda, páganse menos. A noitiña, é costume asar as castañas na prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cunha navalla, xa sabes que moitas delas estouparían coma petardos nunha festa. Despois das castañas, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo que trae dos eidos. Xa regañan os ourizos / aos druídas menciñeiros. / Trala néboa peneirada, /asoma temeroso o luceiro. / Pingan que pingan as castañas,/ abano de cerrotes abrollan nos eidos. / No sagrado, espertan os mortos: / arrólaos unha nana dun crego larpeiro.

A rebusca era a última colleita de castañas que se facía nos soutos. Caía polo San Martiño. Había que procuralas por debaixo das follas e dos ourizos coa axuda dunha forquita esgazada dunha póla. Esta xunta de castañas, máis pequeneiras, quedaban para cebar os porcos ou para secalas no canizo con lume morno de cozos ou dunha caracocha que secara pola filoxera. De cando en vez, os nenos tiñamos que subir ao sequeiro para remexelas cunha rodela de pau, mentres xogabamos brincando ás pelexas encima delas, malia ao fume que se metía polos buratos do nariz e nos saía polas orellas, e polos ollos, que nos picaban e nos deixaban medio choscos.

Pasados 15 días, viña a xeira de mallalas, meténdoas en sacos pequenos e golpeándoos repetidas veces encima dun tarugo de madeira. E para rematar, íanse botando aos poucos nunha criba en forma de media lúa que se collía coas dúas mans polos seus extremos.

O señor Vitoriano de Mouca, de Sacardebois, cribaba as castañas con moito xeito, separando as pilongas das belotas e das cascas que saían voando pola ventá do sequeiro. As castañas, metíanse nunhas arcas grandes de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o santo ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite.

As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, a pataca veu de América como ti ben sabes. A unidade de medida era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de Gundivós nova do trinque para o viño podíase trocar por tres olas de castañas da ribeira de Chandrexa ou de Sacardebois. E para rematar o conto da castañeira, adiviña: Alto está, barbas ten / e, cando lle dá por rir, / perde todo o que ten. Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

Te puede interesar